Visualizacións de páxina totais

domingo, 25 de xaneiro de 2015

Odisea 2015. Comeza a singradura

Os nosos representantes

Carmen, Miguel, Tania, Jésica, Sarah e Francisco, alumnado de 1º de bacharelato.
Manuel Ángel, Caroline, Judit, Raquel, Lidia e Jésica, alumnado de 4º de ESO

Χαίρετε, ναῦται. VALETE, NAUTAE!

Hoxe comeza a vosa singradura. Sen que teñades que descender ao Hades para consultar a Tiresias podémosvos adiantar algúns consellos.
Durante tres días o apacible Euro guiaravos por augas en calma. Gozade, sen abafos de tempo, coas preguntas que se vos propoñan e asegurade as respostas, pero,  coidado! FESTINATE LENTE, σπεύδετε βράδεως!
O xoves verédesvos azoutados por Bóreas implacable e teredes que afrontar terribles momentos de desfalecemento ante as esquivas pistas do "preguntón" que, semellantes a Escila e Caribdis, axitarán o vinoso ponto para que se decanten os mellores. Sede prudentes como o paciente Odiseo, CAVETE, προσέχετε σαυτοῖς!
Os organizadores e organizadoras deste concurso desexámosvos moito éxito:
ἀγαθῇ τύχῃ, FORTUNAM SECUNDAM VOBIS!

domingo, 18 de xaneiro de 2015

Tres poetas latinos do amor

Catulo, Propercio, Tibulo.
A semana próxima emprendemos unha Odisea que nos fará percorrer as penas, alegrías, placeres e sinsabores que nas relacións amorosas sentiron os poetas latinos e gregos. Por iso é bo ilos coñecendo.
Boa viaxe.
Neste enlace podedes ver as normas do xogo da Vía Nova. Non temos o taboleiro, pero imaxinádeo similar ó da oca.

xoves, 8 de xaneiro de 2015

Odisea 2015


Bases e o calendario do concurso

Animádevos a participar: organizade os grupos, pensade un nome orixinal e ide pensando que sabedes do tema sobre o que tratará este ano:  O AMOR EN GRECIA E ROMA. A continuación recollo uns parágrafos das bases do concurso que nos introducen na materia:

"O amor únenos e sepáranos, alégranos e entristecenos, móvenos e paralízanos. Dende o principio dos tempos, foi o tema predilecto dos poetas que ensalzaban as virtudes do ser amado e choraban pola súa perda. Non faltou quen intentou darnos leccións de como conseguir o amor e sobrevivir á súa perda, quen inmortalizara aventuras amorosas de terrible final, quen, mesmo, fuxindo dun amor non desexado, abandonara a súa forma humana para converterse en árbore.
A historia e literatura de Grecia e Roma están atestadas de parellas famosas que todos coñecemos, como Pericles e Aspasia, Helena e Paris, Adriano e Antínoo, Zeus e ... En fin, parellas diversas que nos inspiran, conmoven e divirten. Tamén a nave de Odisea, namorada da Antigüidade clásica, quere render unha homenaxe a esa forza que todo o vence, tan necesaria nestes tempos convulsos. Por iso, nesta edición, o Amor será o tema do noso concurso. Serán os participantes de Odisea 2015 tan tenaces buscando respostas, como Catulo pedindo bicos?  "
A nosa nave xa correu innúmeras aventuras na navegación polo proceloso mar dos centros de toda Galicia e, unha vez máis, nesta décima singladura, ansiamos chegar á nosa illa sans e salvos e tamén máis sabios. Deixemos aos nosos alumnos e alumnas que se enfronten como modernos heroes ás preguntas e desfruten da satisfacción das respostas encontradas co seu esforzo, que cheguen sós a Ítaca e culminen a súa viaxe sen consultar ao oráculo máis que o estrictamente necesario.